PROPOSTAS DA CANDIDATURA Á AGRUPACIÓN SOCIALISTA DE VILAGARCÍA DE AROUSA 31 de Outubro de 2008 Novembro 3, 2008
Posted by vilagarciasocialista in Uncategorized.trackback
Propoñémonos revitalizar as actividades da Agrupación local para facer Partido e Política en maiúsculas, coa fin de recuperar a maioría absoluta nas vindeiras eleccións municipais e sen esquecer que as autonómicas tamén son responsabilidade nosa.
Estes obxectivos ambiciosos hai que desenvolvelos dende a casa e cos poucos recursos dos que dispoñemos.
DINAMIZACIÓN DA SEDE
A sede é onde podemos desenvolver as ideas e traballos para transmitírllelos á cidadanía. Agora que xa podemos dicir que é nosa debemos converter este espazo frío e incómodo nun lugar algo máis acolledor que faga máis agradable a estancia dos militantes; é por elo polo que se deben desenvolver un par de actuacións prioritarias:
1º.- Remodelación dos aseos. É evidente que son moi deficientes e aínda que en teoría son da comunidade de propietarios, os militantes e os visitantes desta sede son os que os sofren. Propoñémonos, pouco a pouco, ir facendo os arranxos ata adecentalos.
2º.- Reorganización do espazo do bar como pequeno salón social onde poder realizar encontros de intercambios de ideas e incluso a celebración de algunha actividade.
3º Axustar os horarios do seguinte xeito:
“Apertura para xestións” : dúas horas a semana (20’00- 22’00) a determinar o día. Afiliacións, baixas, información xeral, podería combinarse con outras actividades.
“Apertura de argumentario”: un día ao mes iniciándose ás 20’30 horas e sen tempo limitado. Tentaríase nestas reunións transmitir aos militantes os argumentos que o partido facilita sobre temas de actualidade. En casos de excepcional importancia podería ser convocada en calquera momento independentemente de si se celebrou a reunión ordinaria.
“Apertura de debate”: Un día ao mes, como punto de partida e dependendo do interese dos participantes, citaríase a toda a militancia para falar de política municipal, autonómica, nacional e incluso internacional. O intercambio de ideas e contrastes de opinión darannos unha mellor perspectiva da situación política.
“Apertura municipal”: Un día ao mes realizaríase unha xuntanza dos militantes cos representantes do grupo municipal para que nos informen do traballo que andan a facer e así teñamos a posibilidade de informar de primeira man aos nosos veciños sobre temas que lles afectan directamente.
“Aperturas preparatorias de campaña electoral”: neste caso cunha meirande frecuencia nos meses previos á campaña, os militantes reuniríanse coa fin de desenvolver sistemas novos para acadar unha mellor eficacia, administración dos noso recursos e mellora dos nosos resultados.
FORMACIÓN POLÍTICA:
É imprescindible que os nosos militantes teñan unha formación política mínima polo que ademais dos debates mencionados, propoñémonos que os máis novos (incluídos os mozos e mozas de Xuventudes Socialistas), e tódolos militantes que o desexen, teñan a oportunidade de coñecer a estrutura, funcionamento e regulamentos do noso partido así como o ideario que nos rexe.
Faremos especial fincapé na formación daqueles que nun futuro próximo están chamados a ser os dirixentes e cargos públicos do noso partido.
ACCIÓN MUNICIPAL:
Recuperar o vencellamento do grupo municipal co partido, tendo en conta que o partido precisa da nosa representación municipal, tanto como eles da agrupación local. É de moita importancia establecer unhas relacións fluídas de colaboración, que sexan visibles publicamente, para complementar o traballo político e recuperar a cohesión que debe existir entre ámbolos dous.
NOVAS TECNOLOXÍAS:
Por primeira vez o Partido socialista ten os seus ollos postos na rede de redes, internet é unha potente ferramenta política e por iso, nos non podemos quedarnos atrás; no pasado Congreso federal se empezou a falar de cibermilitantes , redes sociais e blogues.
En Galicia, neste mes foi constituída a chamada “Galisfera” que agrupa a tódolos blogueiros e blogueiras socialistas que desexen participar desta experiencia, polo momento desta comarca só hai un membro de Galisfera e é desta agrupación. Agora tócanos a nós, moitas agrupacións locais dispoñen de páxina web, e Vilagarcía estase quedando á marxe de todo isto, tentaremos evitalo creando un Blog , onde calquera poida transmitirnos o que lles pareza, e ao mesmo tempo serva como taboleiro de anuncios complementario ás comunicación escritas ou telefónicas que recibímo-los militantes, optamos por este sistema mellor que pola tradicional páxina web xa que é moito máis dinámico o blog e sérvenos mellor .
Do mesmo xeito, aqueles que teñan interese en aprenderse a manexar internet de xeito básico, nas horas de apertura desta sede haberá alguén que lle poida ensinar de xeito desinteresado.
Analizaremos a posibilidade de sustitui-la conexión fixa a internet por unha rede inarámica que facilite, a aqueles que teñen un ordenador portátil, o acceso a internet con só achegarse á sede; ademais de facilitar a xestión de seguimento das eleccións a través de varios ordenadores.
CONCLUSIÓN
Ninguén sobra, o noso partido ten un capital humano que non debemos desaproveitar. Imos esforzarnos para que tanto o traballo de xestión do Grupo Municipal como o traballo político da Agrupación local sexan produtivos e se complementen, ademais de que cheguen aos cidadáns, xa sexa polo contacto directo cos militantes ou coa comunicación coa prensa.
Facernos visibles, e facer visible o noso traballo, será imprescindible para obter uns resultados electorais satisfactorios.
Unha executiva e un grupo municipal en sintonía, e accesibles á militancia, son fundamentais para crear ilusión e confianza dentro e fora da nosa casa.





Comentarios»
No comments yet — be the first.